paxinas

miércoles, agosto 17, 2011

A chave do tempo, o novo álbum de Gárgolas

gargolas t#2 cover BR


Durante a última semana estivemos na caseta número 10 da Rúa da BD dentro do marco do festival internacional VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO. Neste evento púidose adquirir por primeira vez o esperado tomo 2 de GÁRGOLAS: A CHAVE DO TEMPO.

Se de algo podemos estar orgullosos dende CERDITOS DE GUINEA é do importante número de seguidores que xerou esta serie e da súa boa recepción. Neste álbum volta D-P Filippi no guión pero non J. Etienne, que deixa o seu sitio ao italiano Silvio Camboni. O debuxante italiano encaixa á perfección no estilo da obra, xa que vén de traballar para WALT DISNEY en TOPOLINO e PAPERINIK, que é o nome italiano co que se coñecen Mickey Mouse e Duck Avenger, a versión superheroica do Pato Donald (podedes ver unhas espectaculares páxinas orixinais pinchando aquí).

Camboni aporta ao álbum un traballo máis limpo grazas á súa liña clara e definida, ademais vén acostumado ao pequeno tamaño no que se editan as publicacións DISNEY, polo que o uso dos planos elixidos encaixa á perfección no tamaño no que editamos o álbum (abaixo podedes ver o traballo a lapis na portada do tomo 2).



covert2
Nesta ocasión Gregor volta ao século XVII coa misión de atopar unha chave máxica que lle axude a completar o seu adestramento como aprendiz de mago; ao mesmo tempo que terá que rescatar ao gato-musa (un felino peludo bardalleiro que serve de inspiración aos grandes xenios da humanidade).

Tampouco poden faltar os inimigos e seres escuros que traballan para a malvada Aglaia, onde destaca por riba de todos un enorme voitre púrpura. A volta dun poderoso aliado ou a súa relación cunha misteriosa rapaza con poderes completan este entretido arco argumental.

A edición desta BD complétase cun simpático caderno de feitizos, un resumo de todos os meigallos aprendidos ata agora por Gregor. A serie GÁRGOLAS continúa con bo pé na súa edición francesa, onde se prepara o sétimo álbum. Deixámosvos as portadas destas BD para abrir boca mentres preparamos a súa chegada ao noso idioma.

portadas GARGOLAS

Aproveitamos este evento tamén para presentar o noso cambio de imaxe online, xa que redeseñamos a web buscando maior claridade e accesibilidade aos contidos por parte dos usuarios. Na presentación oficial do álbum que tivemos o xoves 11 ás 13:00 anunciamos tamén o próximo lanzamento dunha versión 2.0 do MANUAL DE EMERXENCIA DE BD, onde engadiremos un anexo adicado en exclusiva ao manga para complementar o noso obradoiro especializado neste xénero.

Por último, e a pedimento popular de case todos os visitantes que pasaron pola nosa caseta, colgamos a imaxe que usamos durante a feira para mostrar o noso apoio como socios e seguidores do Dépor. (Porque nesta casa nos gustan as viñetas, pero as blaquiazuis por riba de todo.)

FERRUXE depor