Aproveitando a saída do número 2 de OS CINCO LOITADORES, facilitámosvos unha pequena guía de emerxencia para saber localizar a nosa publicación dentro do bizarro mundo de Lucha Libre.
Todo empezou no 2006 coa publicación da revista colectiva LUCHA LIBRE, onde o autor norteamericano Jerry Frissen facía os guións dunha serie de personaxes relacionados co mundo da loita mexicana. Dentro desta publicación, Frissen escribía diversas historias debuxadas por autores como: Gobi, Bill, Fabien M., Hervé Tanquelle, Nikola Witko, Romuald Reutimann ou Christophe Gaultier. Nesta BD apareceron as primeiras andanzas de LUCHADORES FIVE (os nosos CINCO LOITADORES), TEQUILA ou THE TIKITIS. Na imaxe de abaixo podedes ver unha selección das portadas desta revista.
A medida que se ían creando historias destes personaxes, LES HUMANOIDES ASSOCIÉS foi recompilando todas estas páxinas en tomos individuais. En Francia xa se publicaron 3 álbums de LUCHADORES FIVE (que é o formato que nós publicamos). Tamén levan publicados 3 álbums de TEQUILA, o antigo membro dos CINCO LOITADORES que leva a súa nova vida nun parque de caravanas, e outros tantos de THE TIKITIS, un grupo de científicos retirados nunha pequena illa e encargados de vixiar a KING KATCH Ademais tamén saíu á rúa un álbum de LUCHADORITOS, unha recompilación de historias cortas dun rapaz obsesionado coa loita libre.
No 2007 foi a compañía IMAGE COMICS a que lanzou as historias de LUCHA LIBRE no mercado norteamericano, comercializando un ano despois os tomos integrais baixo o lema “Heroing's A Full Time Job (Tips Appreciated)”*
*Heroes a tempo completo (Acéptanse propinas)
Un dos atractivos deste mundo creado por Jerry Frissen son as figuras de PVC dos personaxes comercializadas por MUTTPOP, podedes saber máis sobre isto lendo as páxinas extras que vos ofrecemos no número 1 dos CINCO LOITADORES.
Pola miña banda, déixovos unha foto do boneco dun dos meus personaxes favoritos, O PANDA, inspirado en OOLONG de DRAGON BALL (xa que Frissen é un declarado fan das obras de Akira Toriyama).
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada