paxinas

lunes, noviembre 28, 2011

O regreso de Ron e Buxo

RON e BUXO acto01_cover

Fai case 6 anos publiquei LAS AVENTURAS DE AMO RON, o último fanzine de CERDITOS DE GUINEA, antes de comezar coa nosa aventura editorial. O álbum de 60 páxinas foi tamén o noso último traballo en branco e negro e en castelán.

Aquela historia recuperaba a Ron e o seu inseparable lacaio Buxo, dous personaxes que naceron un par de anos antes en formato de tira cómica para a revista lucense ENTREMUROS. A historia titulábase EL SECUESTRO DE LA PRINCESA SAADA e narraba durante catro capítulos, en clave de humor negro, a misión de rescate dos nosos protagonistas.

Pois ben, a imaxe de arriba é a portada do número 1 da nosa nova serie Ron, que publicaremos en branco e negro e formato comic-book
(25 x 17 cm e 20 páxinas grampadas). A serie irá dividíndose por actos, encaixando cada un deles en cada número da colección.

Para este primeiro número contamos con dous detalles de luxo, por un lado a preciosa ilustración da contraportada a cargo de Pintu, un dos mellores debuxantes de pinups do noso país, e, por outro, a estampaxe de tinta prateada no logo da portada.

Ron, unha mistura entre Conan e Torrente, fai que tamén sexa a nosa primeira serie destinada só para lectores adultos. A serie recupera o espírito dos primeiros fanzines, onde todos os personaxes e escenarios están localizados en Galicia.